Boas!
Como cada ano, coa chegada de xuño toca facer balance de todo o curso académico no que se refire ao fomento da lectura e... que vos pareceu que fose polas clases contando as actividades que ibamos facer?
Este ano, atendendo ás valoracións de alumnado e familias das avaliacións realizadas a finais do curso anterior, coidamos moito máis a colección: comezamos a forrar os libros para que non se estropeasen tanto, expurgamos e substituimos os recursos que estaban en mal estado e involucramos moito máis á rapazada na selección de títulos para conseguir unha colección moito máis inclusiva coa que chegar a todos e todas (por exemplo, iniciándonos no mundo do manga ou priorizando as bandas deseñadas en galego para 1º e 2º).
Ademais, cada titoría tivo reservada unha hora semanal na biblio para facer actividades relacionadas coa lectura e poder realizar o empréstito.
CAST@LECTÓMETROS
Coa apertura da biblioteca en outubro tamén continuamos cos cast@lectómetros como instrumentos de rexistro e fomento lector: por cada libro lido o alumnado conseguía unha pegatina miña, de Castañón, que podería canxear ao xuntar 5 por premios: obxecto da impresora 3D, material de papelería, marcapáxinas...
Continuamos cos "libros que veñen e van" en infantil e, en primaria, retomamos as mochilas viaxeiras cunha selección de recursos moi personalizados para que resultasen atraíntes ao alumnado.
CLUB DE LECTURA
Sistematizamos o club de lectura iniciado o ano pasado en 5º e nesta ocasión ampliámolo tamén a 6º e fixémolo oficial participando na convocatoria do Programa Club de Lecura da Consellería. Este foi voluntario entre o alumnado e cunha enorme acollida, unha media de 19 estudantes de 24 participou nas xuntanzas, repartidos en 2 grupos. Ao longo do curso escolar realizamos actividades variadas en torno ás lecturas (obradoiros de cociña, lectura conxunta, cine-forum, visita da autora...) e traballamos en total con 8 títulos.
Ademais, entendendo que a tarefa do fomento lector involucra a toda a comunidade educativa, creouse tamén un club de lectura de familias e tivemos con nós ao autor do primeiro dos 3 libros lidos: Serafín Parcero ("A illa dos deuses"). Moitísimas gracias aos participantes por facer posible esta actividade.
VISITA DE AUTORAS
Ademais da visita de Serafín Parcero, este ano introducimos unha novidade no Plan de Lectura: incluímos a lectura obrigatoria para convidar a autora lida. Nesta ocasión tivemos o pracer de contar no cole con Fina Casalderrey.
O Club de Lectura de "Os cast@lectores" puideron falar con Ledicia Costas a través das redes sociais e recibiron a visita de Antía Yáñez para coñecer os misterios detrás da súa obra "Plan de Rescate"
Fixéronse un montón de actividades de dinamización na hora de ler, dende a "visita" de personaxes de conto ("O inspector Drilo"), manualidades, debuxo, propostas coa luz negra e de cores, contacontos, lecturas compartidas... Tamén outras actividades como contacontos en lingua de signos.
ENTREGA DE PREMIOS DA LECTURA
E unha vez máis rematamos o curso escolar en bibliocarballedo outorgando os premios á rapazada máis lectora (un libro escollido especificamente para cada un e un pompeiro a cada estudante de infantil) e aos gardabiblios implicados pola súa colaboración e dedicación na biblioteca escolar. Noraboa polo voso traballo e constancia ao longo de todo o curso!
Castañón!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario