Coñecendo o Acuario, a Casa das Ciencias e o Domus

En relación ao traballo cos ODS, especialmente no relativo aos ecosistemas acuáticos e vida submarina e á ciencia e a investigación, a pasada semana a rapazada do cole foi coñecer o acuario da Coruña, a Casa das Ciencias e o Domus.

Comezamos a xornada cheos e cheas de ganas: poñemos rumbo a Coruña; algunha da rapazada máis pequeniña vai vivir a súa primeira excursión!

A primeira parada foi a CASA DAS CIENCIAS e alí fixemos dúas actividades. Coa visita ás diferentes exposicións interativas o alumnado puido experimentar con diferentes fenómenos físicos como a forza, a gravidade ou o son. Tamén nos achegamos máis á astronomía e ao sistema solar no seu planetario, no que  aprendemos (entre outras cousas) a identificar constelacións e características dos planetas. 

Chegou a hora compartir o tempo de almorzo e non o puidemos facer cunhas vistas mellores que as do mar e a Torre de Hércules.

Pola tarde tivemos unha visita guiada polo ACUARIO para educar en actitudes de respecto e agarimo cara o mar e a vida mariña. Achegámonos á historia da catástrofe mariña provocada polo petroleito Mar Exeo, aprendemos sobre a reprodución dos seres vivos acuáticos, vivimos unha experiencia única baixo o mar na sala Nautilus (na que estivemos en contacto con tiburóns, quenllas, meros, douradas...), etc. 


A última parada da nosa viaxe foi na CASA DO HOME. Neste sitio realizamos actividades divertidísimas e interesantísimas coas que reflexionamos sobre a nosa especie: xogos de neuronas e de velocidade, exposición sobre a evolución humana, exercicios sobre habilidades físicas como probar reflexos e a axilidade...

Que xornada tan intensa e produtiva. 
Agardo que vos gustase moito rapazada!
Castañón!

Ningún comentario:

Publicar un comentario