Dende o pasado curso 2020/2021, os grupos de 5º e 6º mergulláronse nun proxecto que replantexou o seu modo de traballar e de relacionarse. Estamos a falar do proxecto de cooperativismo co que crearon a Cooperativa "As cores de Carballedo", que tivo continuidade este curso como "As cores de Carballedo 2.0".
Todo este traballo motivou ao alumnado para presentarse ao "Certame de cooperativismo no Ensino" da Consellería de Emprego e Igualdade e da consellería de Cultura, Educación e Universidade, na modalidade de creación artística.
A idea proposta e elixida pola rapazada para dar visualización ao traballo cooperativo foi a creación dun programa de tv titulado "Cooperativas por Galicia" na que presentan o desenvolvemento do seu proxecto e o seu modo de traballar a través dun documental.
Tras numerosas horas de elaboración de guión, ensaios, tomas de decisión e mellora a través do erro, probas de luz, planos e audio, montaxe e edición de vídeo e... sobre todo, de traballar en equipo e de cooperación, sacan á luz esta creación artística na que o alumnado puxo toda a súa ilusión e esforzo.
Como unha imaxe vale máis que 1000 palabras, aquí vos deixamos unha chea delas.
Benvidos e benvidas ao programa- documental "Cooperativas por Galicia: Capítulo I "As Cores de Carballedo 2.0"
Que é para nós "As cores de Carballedo 2.0"?
O que nun principio naceu como unha idea do profesorado para fomentar a autonomía, a toma de decisións e o traballo en equipo do alumnado, pouco a pouco foi madurando e convertíndose nun aprendizaxe diario que forxou valores de solidaridade, emprendemento e responsabilidade:
-decatámonos da necesidade de tomar decisións conxuntas
-decatámonos de que "se traballamos xuntos, facémolo mellor e máis sinxelo", polo que teño que comprometerme nas miñas tarefas
- decatámonos de que somos máis felices se axudamos no que se nos da mellor e se recibimos axuda en aquilo no que nos costa máis
- E decatámonos de que é preciso arriscarse, xa que cando me equivoco non fallo, aprendo para facelo ben na próxima ocasión
Ademais de todo isto, coñecemos como funciona unha cooperativa e procesos sociais fundamentais: proceso electoral, votación, solicitude e entrega de documentación en entidades públicas, organización de campañas publicitacias e dos procesos de produción e venta...
Como podedes ver, este é un proxecto completísimo que ensina á rapazada a comprender e ser partícipes nos procesos da súa contorna dende pequenos e pequenas e dunha maneira saudable e respectuosa cos seus iguais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario