Imos de concerto ao conservatorio!

BOAS RAPAZADA!

Outro ano máis vivimos unha xornada moi significativa que, sen dúbida, quedará na nosa memoria. Todo o alumnado de Educación Primaria, agás 4º, desprazouse ata o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga para gozar dunha audición moi especial.

Alí tivemos a oportunidade de mergullarnos nun conto musical baseado na coñecida obra A frauta máxica, onde a música, a narración e a interpretación se uniron para ofrecernos unha experiencia única. A través desta historia, o alumnado puido descubrir como a música pode contar contos e transmitir emocións dun xeito máxico.

Durante a audición, tamén nos presentaron diferentes instrumentos da orquestra, explicándonos as súas características, o seu son e o papel que desempeñan dentro do conxunto musical. Foi unha oportunidade fantástica para coñecer de preto o mundo da música e espertar a curiosidade polos instrumentos e a interpretación.

O comportamento do alumnado foi excelente e, sobre todo, disfrutaron moitísimo da actividade, participando con interese e ilusión en todo momento.


Sen dúbida, foi unha saída moi enriquecedora que nos achegou un pouco máis ao mundo da música e da cultura.

Moitas grazas ao Conservatorio Manuel Quiroga por esta experiencia tan especial!

Ningún comentario:

Publicar un comentario