Conmemoramos a Rosalía de Castro

Como xa sabedes, o 23 de febreiro é unha data moi especial para todos nós pois celebramos o nacemento dunha das escritoras máis importantes: Rosalía de Castro.

Este ano estamos de cheo investigando e traballando todo sobre o noso concello. Por iso, a través do observatorio astronómico que temos no Monte do Coirego, chegamos a descubrir que Rosalía de Castro ten a súa propia estrela no firmamento grazas a unha iniciativa da comunidade astronómica galega. O primeiro que fixo o alumnado foi investigar todo sobre esta estrela, descubrindo cousas como que forma parte da constelación Ofiuco ou que incluso ten un exoplaneta chamado Río Sar, o cal aparece en numerosas obras da poetista.

Despois disto o alumnado acudiu a nosa biblioteca a ler os diferentes libros que temos sobre ela e escolleron aquelas estrofas que máis lles gustaban plasmándoas despois en caligramas con forma de estrelas, a lúa... que pegaremos nun mural colaborativo na entrada do centro. Tamén cantamos todos xuntos a canción "Un bico un cantar" escrita por Curros Enríquez e adicada a Rosalía.

Cando chegue o bo tempo, tocará acercarnos coas nosas familias ao observatorio a ver se atopamos a estrela "Rosalía de Castro" non credes?

Saúdos

Castañón


Ningún comentario:

Publicar un comentario