Algo tan básico como ter un nome é un dos dereitos que ás veces lle son negados á infancia, obrigándoa a enfrontarse á exclusión e á discriminación.
O 20 de novembro celebramos no cole o Día dos Dereitos da Infancia e, partindo do fantástico álbum ilustrado "Todos temos dereitos", coñecemos cales son eses dereitos básicos e puidemos indagar sobre eles. Conxuntamente conmemoramos o Día da Palabra e, unindo estas dúas datas claves, saíu esta preciosa actividade.
Cada clase abordou un dereito e traballouno dende a perspectiva do noso PDI "O ano de Galicia", logo crearon estes fantásticos murais e prepararon unha exposición oral para presentarllos aos compañeiros/as:
- 4º de Infantil cóntanos, dende o dereito a recibir unha alimentación, cales son os nomes dos alimentos típicos de Galicia.
- 5º e 6º de Infantil abordan o dereito a ter un fogar coñecendo o nome dos lugares onde vive cada un dos nenos e nenas da clase.
- A rapazada de 1º e 2º sabe que deben ter dereito a xogar e por iso as palabras que escolleron son os nomes dos xogos tradicionais propios de Galicia.
- Dereito a ter un nome e unha nacionalidade: o grupo de 3º e 4º investiga que nomes de persoa hai no noso idioma.
- 5º aborda o dereito á participación a través dos xentilicios dos lugares de Galicia, polo sentimento de pertenza á comunidade.
- O dereito a ser escoitado e poder expresar a opinión é o que traballou o alumnado de 6º, o cal investigou sobre cancións, movementos e autores que destacaron no ámbito galego por dar a súa opinión e defendela, a pesar de non ser aceptada por distintos colectivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario