IMOS DE MERCADOS... AS CORES DE CARBALLEDO 6.0

O alumnado do noso centro participou un ano máis no programa DepoEmprende, unha iniciativa que fomenta o espírito emprendedor a través da aprendizaxe práctica, o traballo en equipo e o compromiso social.

Ao longo do curso, os nenos e nenas elaboraron diferentes produtos que posteriormente puxeron á venda. Entre eles destacaron pezas de cerámica realizadas con moita dedicación, chaveiros deseñados e fabricados coa impresora 3D, así como diversos materiais creados durante as rotacións dos Polos Creativos. Cada un destes traballos foi o resultado da súa creatividade, esforzo e ilusión. Todos estos productos foron vendidos despois nos mercados de Vigo e Carballedo.

Unha vez finalizados os mercados, celebramos un acto o propio centro educativo, no que se fixo entrega dos beneficios obtidos coa venda dos produtos. A recadación foi doada á organización Galiclown, que desenvolve un importante labor levando alegría e acompañamento a nenos e nenas hospitalizados.

Ademais, unha pequena parte foi destinada a unha merendola no río para todos e todas os cooperativistas.

Esta experiencia permitiu ao alumnado comprender o valor do emprendemento responsable, a importancia da colaboración e o significado da solidariedade, demostrando que o seu traballo pode contribuír a mellorar a vida doutras persoas.

Dende o centro queremos felicitar a todos os participantes polo seu excelente labor e agradecer ás familias e á comunidade educativa a súa colaboración e apoio.

Apertas

Castañón

Ningún comentario:

Publicar un comentario