Ler para soñar: fomento da lectura curso 25/26

OLA COMPAÑEIROS/AS

No noso centro educativo, a lectura constitúe un piar fundamental para o desenvolvemento persoal e académico do alumnado. Por iso, ao longo do curso levamos a cabo diversas iniciativas que buscan espertar o interese polos libros e converter a lectura nun hábito praceroso e compartido.

Co obxectivo de continuar fomentando a lectura, participamos en diferentes programas de dinamización lectora como club de lectura ou os apadriñamentos lectores. Estas propostas contribúen a crear unha comunidade lectora activa, na que o alumnado se sente protagonista.

Unha das actividades máis significativas son os apadriñamentos lectores, nos que o alumnado de cursos superiores comparte tempo de lectura cos máis pequenos. Esta experiencia non só favorece a comprensión lectora, senón que tamén fortalece os lazos entre compañeiros, fomentando valores como a responsabilidade e a cooperación.

Os contacontos ocupan tamén un lugar destacado no noso día a día nos que o alumnado descobre o poder das historias, desenvolve a súa imaxinación e achégase á literatura dun xeito lúdico e atractivo.

Ademais, apostamos pola lectura en espazos diferentes, como o patio ou zonas verdes do centro. A lectura ao aire libre convértese así nunha experiencia máis relaxada e motivadora, na que se combinan natureza e aprendizaxe. Complementamos estas actividades con elementos motivadores como recunchos temáticos, recomendacións lectoras ou pequenas exposicións de libros.


Sen esquecernos, por suposto, de outros programas como os club de lectura, as mochilas viaxeiras ou libros que van e veñen.

En definitiva, o noso obxectivo é que cada neno e nena atope na lectura un refuxio, unha fonte de coñecemento e unha ferramenta para comprender o mundo que o rodea.

Apertas

Castañón

Ningún comentario:

Publicar un comentario